Yolanda Castaño
PAN DE CELEBRACIÓN
PAN DE CELEBRACIÓN
(It's an unfair world)
O mundo é un hotel sen mostrador de recepción.
O don da elocuencia non é un ben comunitario.
Non se repartiron así nin os pans nin os peixes.
Por estribor a carne e por babor as espiñas.
Ides perder a cabeza e chóvenvos
sombreiros,
os ricos terán cartos os pobres terán fillos.
Eu sei dun pan que eu partiría en anacos
que fosen minúsculos e durase para os restos;
se unha faragulla pode ocuparlle a boca a alguén,
se pode saciar, se talvez destrabala.
Coma botes salvavidas na gloria do Titanic,
soutos de peites para quen está
calvo.
Urbi et orbi da retórica: nin está nin se espera.
Calcétanse barbas para quen non ten queixelo.
Tocáronlles a algunhas bocas tres segundos de memoria.
E Deus ha dar ese pan
a alguén con ben menos dentes.