Pasei tantas veces por aquí… e nunca vos vira.

Estamos a facer un inventario minucioso,
coma o herbario dunha constelación impredicible.
Están primeiro os lirios, adobío de estrelas precipitadas,
as dalias e os crisantemos,
hai que contar as papoulas porque tamén o merecen as
           flores tímidas e miúdas.
A da figueira é unha flor subliminar.
As máis librescas de todas, as inflorescencias en capítulo.
A orquídea é claramente unha flor sicalíptica,
imítase de máis, non sigo por aí.
O hibisco enche de antollos e proverbios a tarde.
Hortensias: contádeme canto de feliz fun aquí.
Están os iris, a lavanda, a chamada rosa de té.
E logo está a magnolia que, como o seu nome indica,
en tempos debeu de dar emblema a algún tipo de soberanía mongol.
Calas, anémonas, o aguerrido síntoma do rododendro.
Despois están outros prodixios rexistrables en latitudes afastadas,
como a indicible flor do chilamate
que se sente pero non se ve, coma
ese fondo amor que sobe coma un bramido dende os xeonllos.
Hai
ambroíños de río, rosas chinesas, dentes de león.
Temos tamén cosmos e azar e pensamentos pero esas son xa
flores máis conceptuais.
A pasiflora é coma o trono dunha resposta, o
                                           baldaquino dunha consideración.
Hai flores que levan para sempre o nome do primeiro ollo que as viu.
Lilas, caléndulas, caraveliñas.
Non podo esquecer as mimosas, enxame de diminutas advertencias,
nin as miñas absolutas consentidas: fragor indecente das buganvíleas.


Pero, xa vos dicía, non sei, é curioso,
pasei tantas veces por aquí e…
non,
non vos vira
nunca.

[en Cuadernos de Villa Waldberta/Aufzeichnungen aus der Villa Waldberta, Instituto Cervantes de Munich y Ayuntamiento de Munich, ALEMANIA] (2012)

© Yolanda Castaño
Producción de Audio: Literaturwerkstatt Berlin, 2015