LESS IS MORE

Non me dixo
se che contase o repugnante que encontro a túa boca,
o charco das túas hormonas pringosas e clamantes.
Preferiría meter os dedos nun cable de alta voltaxe
que a miña cara na redondez irrespirable das túas tetas.
Non me dixo
así me caia enriba agora mesmo unha pía de lastras
antes ca a responsabilidade das túas noites de febre,
que corra o aire entre a miña vertical
e o pastel de xenxibre das túas ganas.
Prefiro alfinetes nas cuncas dos ollos
mellor ca a xelatina das túas debilidades.
Non me dixo fuck off, non me dixo vete
a la mierda
.
Prefiro unha dor de ouvidos, un puño na boca do estómago.
Repúgname o fragor tan rural da túa fame,
escoitar berrar as túas coxas
coma bacoriños rosados abertos a machadas.

Simplemente
el non me dixo.

© Yolanda Castaño
From: A segunda lingua
Santiago de Compostella: PEN Clube de Galicia, 2014
Audio production: Literaturwerkstatt Berlin, 2015